Exitosa xornada de portas bertas na Ruta dos Viños de Valdeorras

Cova  de Joaquín Rebolledo
Esta fin de semana celebrouse unha nova edición das Xornadas de Portas Abertas na Ruta do Viño de Valdeorras (Turismo de Galicia) coa asistencia de moitas persoas interesadas en coñecer as adegas e participar nas actividades programadas ao redor do enoturismo en Valdeorras. Entre as novidades desta edición estiveron a organización dunha andaina polo Parque Natural Serra da Lastra e a presenza de xornalistas e blogueiros especializados en turismo e gastronomía. 

Oito prescritores procedentes do Norte de Portugal, Asturias e Galicia estiveron percorrendo as adegas co bus do viño durante toda a fin de semana e participando na Festa de Portas Abertas así como na Andaina no Parque da Serra da Lastra. 

O obxectivo foi comezar a promocionar Valdeorras como destino enoturístico nestas zonas veciñas e cun fluxo importante de visitantes cara Galicia. 

O venres pola noite empezaban as actividades coa segunda edición do Pincha e Cata no restaurante do Hotel Calzada (Vilamartín) e no Bar Bravo Lux da Rúa. Unhas 30 persoas anotáronse a cada unha das catas que se celebraron nos dous locais nos que puideron degustar sete viños, cada un de cada adega participante, coa presenza dos adegueiros para compartir experiencias con eles. 

Por outra banda, unhas 100 persoas subiron durante o fin de semana ao bus do viño para coñecer a través de catro rutas as sete adegas participantes: Godeval, O Cepado, O Casal, Alán de Val, Joaquín Rebolledo, Roandi e A Coroa.