Esta fin de semana darán comezo as visitas teatralizadas ao Castelo de Sobroso organizadas pola Deputación de Pontevedra, dirixidas a un público familiar e relacionadas con dúas figuras con historia no Castelo.
Dona Urraca, que estivo presa en Sobroso e fuxiu por un pasadizo será unha das figuras que recibirá aos visitantes. Tamén se deixará caer Pedro Madruga, quen reconstruíu o Castelo despois das revoltas irmandiñas. O obxectivo é achegar, sobre todo aos máis novos e novas, a historia de Galicia dun xeito ameno e divertido, así como amosar a natureza e a paisaxe do Castelo de Sobroso podendo gozar dunhas incomparables vistas do val do Tea dende as terrazas da fortaleza.
As visitas teatralizadas desenvolveranse o sábado 16 e o domingo 17, así como o venres 29 e o sábado 30 de
xuño. Os días 16,17 e 30 de xuño a visita terá lugar ás 11,30 da mañá, mentres
que o venres 29 será ás 5 da tarde.
O aforo é limitado para cada unha das visitas e o proceso de
inscricións ábrese este martes na páxina web de Turismo Rías Baixas,
www.turismoriasbaixas.com, a través dun apartado que estará dispoñible a partir
das 11 da mañá. Aquelas persoas que desexen participar na iniciativa teñen
tamén á súa disposición, para calquera dúbida ou información adicional, os
teléfonos 886 211 700 e 618 320 033.
O Goberno provincial enmarca estas visitas teatralizadas
dentro da estratexia de posta en valor do Castelo de Sobroso e dentro da
campaña "Somos Historias" que dedica o mes de xuño ao patrimonio
inmaterial. A Deputación continúa así no seu obxectivo de converter o Castelo
de Sobroso noutro importante foco de atracción de visitantes, ao igual que o
Castelo de Soutomaior, no que este tipo de actividade foi un absoluto éxito.