Buscar/Hemeroteca

jueves, 28 de junio de 2018

Comezan as celebracións do noveno aniversario da Torre de Hércules

Co gallo da celebración do noveno aniversario da Torre de Hércules como Patrimonio Mundial da UNESCO, até o vindeiro domingo 1 de xullo, sucederanse diversas actividades tanto no interior do faro como na súa contorna.

O monumento acolle a exposición fotográfica Máis que unha Torre, que mostra unha selección de 20 fotografías que participaron no certame organizado, entre o 25 de maio e o 10 de xuño, a través da rede social Instagram, e cuxo reto foi capturar as actividades lúdicas, sociais, produtivas ou deportivas que ocorren nos arredores da Torre de Hércules, na que esta adoita un papel secundario. O concelleiro Alberto Lema foi o responsable de inaugurar a mostra, que contén tamén as tres imaxes gañadoras presentadas por Isabel Pérez, Marduk Manturano e María Ángeles Regueiro.

Durante este mércores, ademais, púdose visitar de balde a Torre pola xornada de portas abertas que se está a desenvolver, así como asistir ás recreacións históricas Ave Crunia, que chegan ao pé do faro da man da asociación cultural Royal Green Jackets. 

Ao longo da xornada de hoxe e do venres, celebraranse distintas actividades creativas para todos os públicos e novas recreacións históricas. Ademais, neste aniversario farase fincapé na proposta municipal do ENIL da Torre e de visibilizar a riqueza súa contorna natural, a través dunha nova visita Sae do niño. Achégate á natureza --do programa de educación ambiental da Concellería de Medio Ambiente--, que terá lugar o venres ás 17.00 horas, e unha Xincana da natureza, organizada en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat e que sairá da rotonda de Breogán ás 18.00 horas. A partir desta hora, comezará tamén unha parada gastronómica que contará con varias food trucks ao pé da Torre durante toda a fin de semana.

O sábado 30 celebraranse diferentes obradoiros de sombras chinesas e de marionetas de papel para nenas e nenos de entre 6 e 11 anos --previa inscrición a través de talleresinfantilescoruna@gmail.com-- e, contra ás 22.00 horas, un espectáculo de teatro clásico ao aire libre, Troyanas. Xa o domingo 1, entre as 12 e 14.00 horas terá lugar unha serie de actividades promovidas pola AVV As Atochas-Monte Alto coa colaboración do IMCE, e que inclúen as actuacións do Orfeón Herculino e a A. S. Aturuxo.

No hay comentarios: