Champivil-Castelo comezou a recollida de árnica

A empresa Champivil-Castelo, especializada na comercialización de cogomelos e grelos, comezou estes días a campaña de recolección de árnica, unha planta medicinal que se dá de xeito natural nos prados e veigas da Terra Chá. 

A empresa de Vilalba decidiu hai uns anos recuperar este produto que se apañaba historicamente en Galicia e, tras un proceso de secado, expórtao con destino ás principais empresas cosméticas e farmacéuticas europeas, que a empregan na elaboración de cremas e antiinflamatorios, segundo precisa a revista Campo Galego.

A árnica é unha planta silvestre que se dá de maneira natural en pradeiras vellas situadas en zonas húmidas da Terra Cha. Ten forma de margarida (un pouco máis grande de tamaño) e é de cor amarela. Champivil pechou a pasada campaña cun total de 1.500 quilos de flor de árnica apañados que, unha vez secos, marcharon con destino á multinacional alemana Bayer.