Buscar/Hemeroteca

martes, 5 de junio de 2018

‘Caión a bocados’ do venres 8 ao domingo 10 de xuño

‘Caión a bocados’ celebrarase na próxima fin de semana, do venres 8 ao domingo 10 de xuño. Os establecementos que forman parte do programa (Café Bar Zarra, Restaurante O’Muíño, Restaurante Porta Caeli, Restaurante Parrillada Beiramar, Café Asteria e Furna Atlántica) ofrecerán ao público elaboracións realizadas con produtos do mar ao prezo de un euro o venres (de 20:00 a 23:30 h) o sábado (de 12:30 a 14:30 e de 20:00 a 23:30 h) e o domingo (de 12:30 a 14:30 h).

A primeira edición da ruta de tapas ‘Caión a bocados’ presentouse coa presenza de membros do goberno local do Concello da Laracha –organizador - e de representantes dos seis locais participantes nesta novidosa iniciativa coa que se abrirá a temporada de verán para os sectores turístico e hostaleiro.

Para amenizar as xornadas, o venres e o sábado haberá ruadas nocturnas a cargo da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco e o domingo a mediodía, teatro de rúa na praza Eduardo Vila Fano con Saaabor!, un espectáculo familiar da compañía Culturactiva e protagonizado polos actores Fran Rei e Félix Rodríguez. Ademais, os consumidores que degusten as tapas participarán no sorteo de agasallos doados por empresas colaboradoras.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, mostrouse satisfeito pola posta en marcha desta “iniciativa que tiñamos moitas gañas de facer en Caión” e agradecido aos hostaleiros porque “sen a implicación do sector non se podería levar a cabo”. O rexedor local considera que “por tratarse do arranque do verán esta é unha data ideal para atraer turistas e visitantes e que vexan as oportunidades e os bo servizo que se ofrecen en Caión”. López Varela concluíu desexando que ‘Caión a bocados’ sexa un éxito e sirva tamén como primeira experiencia para o futuro desenvolvemento doutras iniciativas que axuden a “desestacionalizar a oferta turística e que Caión se converta nun punto de referencia turística e gastronómica tamén fóra do verán”.

No hay comentarios: