Baltar propón a candidatura de Ourense como territorio creativo da UNESCO

Co gaio de realizar un balance do labor realizado no "Plan Provincial de Turismo Cultural e Creativo" de Ourense, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse co director dos traballos de elaboración do citado proxecto, Jordi Tresserras, tamén director do Laboratorio de Patrimonio e Turismo Cultural (LABPATC) da Universidade de Barcelona e presidente da rede IBERTUR.

No encontro, Baltar propúxolle a Jordi Tresserras a posibilidade de presentar a candidatura de Ourense como territorio Creativo da UNESCO, "tendo en conta a calidade e potencial da nosa literatura, co horizonte posto na celebración no ano 2020, dos cen anos da publicación do primeiro número da "Revista Nós".

A elaboración deste Plan é un dos compromisos anunciados polo presidente do goberno provincial no Debate sobre o Estado da Provincia, co fin de "desenvolver un modelo turístico e cultural que dinamice social, cultural e economicamente a nosa provincia e aumente a competitividade da súa actividade turística", explicou o presidente da Deputación. 

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" acolleu a expertos culturais de Ourense, xestores e representantes de diversas entidades, que fixeron achegas e debateron sobre o futuro documento. O obxectivo é garantir a competitividade de Ourense dentro do destino Galicia e incrementar a repercusión dos beneficios na sociedade local, procurando que a actividade turística se realice de maneira integrada. Innovación turística, novos produtos e atraer segmentos interesados en ámbitos especializados como o turismo activo, o "laranxa" e o cultural, o gastronómico ou o arqueolóxico, son liñas de acción deste plan.

f_ depourense.es