
Máis polo miúdo, esta semana participarán na modalidade con pernoita ata 33 veciñas e veciños que sairán dos concellos de Forcarei, Cerdedo e Meis. Todas e todos eles aloxaranse en réxime de pensión completa, con acceso diarios aos circuítos termais, dende este domingo e ata o vindeiro venres, no Balneario Eurostars Illa da Toxa.
Pola súa banda, na modalidade diúrna, participarán 84 persoas que virán dos concellos de Tui, Vigo e Pontevedra. Estas veciñas e veciños acudirán durante cinco días, dende o luns 18, a gozar dos circuítos termais do Hotel Galatea e do Balneario Termas de Cuntis.
O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade. Ademais, o programa tamén permite dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando, así, a demanda.
Ao igual que nas anteriores edicións, "Depotermal 2018" conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. Da asistencia diúrna vanse aproveitar 1.180 persoas, mentres que con pernoita haberá 2.878 persoas. En total, son 4.058 persoas beneficiarias. Deste total de prazas, a institución provincial financia integramente máis de 400 prazas para que familias en situación e/ou risco de exclusión social se poidan beneficiar deste programa.