Arousa Norte promociona os sabores do Barbanza en Salimat

Ao fondo o presidente de Arousa Norte
A Mancomunidade Arousa Norte ofreceu en Salimat (Silleda) unha degustación gastronómica con produtos locais dos catro concellos cos que, segundo o presidente de Arousa Norte e alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, "tentamos amosar o potencial gastronómico da nosa comarca baseado en produtos do mar coma o mexillón ou a xouba e a conserva, xa que alí temos algunhas das mellores empresas de Galicia”. Ademais, Xosé Lois Piñeiro salientou que “con accións coma esta, que nos permiten estar nas citas turísticas do territorio nacional, estamos a consolidar Arousa Norte como destino turístico dentro da Comunidade galega”. 

Así, o Restaurante Xanxo foi o encargado de presentar unha proposta que consistiu en empanada de millo de berberechos, xouba e polbo e demostración de conservas artesanais da zona, acompañada polos viños branco, tinto e doce da adega Eido da Salgosa, embotellados en Rianxo. 

Arousa Norte está a participar en Turexpo Galicia, no marco de Festur, promocionando un total de 32 festas dos catro concellos, entre as que se atopan catro co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia: a Festa da Dorna, en Riveira, as Festas da Guadalupe en Rianxo, San Ramón de Bealo en Boiro, e as do Nazareno na Pobra do Caramiñal. 

Durante estas dúas xornadas, a xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo, mantivo varias reunións con touroperadores nacionais e internacionais interesados en novos destinos para visitantes que viaxan sós, en familia, en pequenos grupos que buscan unha planificación das súas viaxes con propostas culturais, gastronómicas e en contornos naturais. Neste sentido, Maruxa Ledo destacou que Arousa Norte cumpre con moitas destas premisas xa que “se atopa nunha zona con dous parques naturais, con miradoiros que ofrecen vistas espectaculares da Ría de Arousa e cunha extraordinaria gastronomía baseada en produtos frescos do mar e da terra”. 

Arousa Norte continuará a súa presenza en Turexpo Galicia ata o vindeiro domingo, 10 de xuño, cun punto de información con folletos, entre outros,sobre as rutas náuticas e a motor que se poden realizar na comarca e a Senda Litoral que percorre máis de 100 quilómetros de costa.