A través da web www.entradaslugo.es ou ben na Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, o Concello de Lugo vén de poñer á venda as entradas para o Harpastvm, o Circvs Romano e o espectáculo Divinivm, no marco do Arde Lvcvs, todas elas cun prezo de 3 euros e ata un máximo de dez por persoa.
Os eventos celebraranse na explanada do Pavillón Municipal, o primeiro deles o venres, ás 23:30 horas, a cargo das asociacións de recreación histórica Caetra Lucensium, Mercenarios Galaicos e Guardia Pretoriana; o segundo o sábado, a partir das 18:00 horas, e o terceiro, tamén o sábado, dende as 23:55 horas.
Así mesmo, mantense aberto o prazo inscrición para a carreira II Mvrvs Lvcis, Romanos contra Castrexos, que se celebrará na primeira xornada do Arde Lvcvs MMXVIII, o 15 de xuño, a partir das doce da noite. Constará dunha volta polo adarve da Muralla, correndo o grupo dos romanos e o dos castrexos en sentido contrario, é dicir, un grupo sairá cara a dereita e outro cara a esquedra, sentido que escollerá un representante do grupo romano e do grupo castrexo co xogo da moeda ao aire.
A proba comezará e rematará na praza de Pío XII, onde todas as persoas participantes están convocadas ás 23:45 horas, para comezar a carreira 15 minutos máis tarde.
Máis información na web oficial destes festexos www.ardelucus.com.
f_ lugo.gal