O Concello da Coruña acaba de recibir a distinción da bandeira azul para as cinco praias urbanas, ao recuperar a perdida en 2014 polo areal de Oza, e, por segundo ano consecutivo, o recoñecemento de Senda Azul, para o Sendeiro Atlántico promovido polo executivo municipal, que fomenta o uso sostible da costa coruñesa e traza un itinerario que discorre polas praias coruñesas, así como pola contorna de Punta Herminia e a Torre de Hércules e as Illas de San Pedro.
Nun acto celebrado en Riazor, o alcalde, Xulio Ferreiro, destacou que estes galardóns son "un recoñecemento ao traballo feito nos últimos anos nas políticas ligadas á rexeneración ambiental". "Hoxe, día no que A Coruña recibe as bandeiras azuis para Riazor, Matadoiro-Orzán, As Lapas, San Amaro e Oza, quero reivindicar que o cambio era e segue sendo preciso. O cambio nas políticas públicas ligadas á conservación do medio ambiente, de forma que estas non sexan entendidas como unha obriga, senón como unha oportunidade", indicou.