XXX Mostra Gandeira San Isidro Labrador de Sarria

A XXX Mostra Gandeira San Isidro Labrador de Sarria, terá lugar, os vindeiros días 12 e 13 de maio. O Goberno da Deputación colabora co Concello de Sarria cunha achega económica de 3.000 euros e cedendo dúas xatas da Granxa Gayoso Castro, que serán sorteadas durante a xornada do domingo. Pola súa parte o Executivo Municipal destina 17.000 euros para a celebración desta tradicional feira gandeira no Concello.

O Deputado de Turismo, Vidal Baamonde destacou que “dende o Goberno da Deputación contribuímos, un ano máis, a organizar este tipo de iniciativas coas que potenciamos un dos motores económicos da provincia como é o sector primario, dentro da nosa decidida aposta por dinamizar o medio rural ao tempo que impulsamos a economía e o turismo da Comarca de Sarria, pois se prevé que reúna máis de 2.000 persoas. Nesta tradicional feira gandeira, consolidada no tempo, pois cumpre 30 anos, os asistentes poderán mercar gando, maquinaria agrícola, artesanía ou degustar todo tipo de gastronomía”.

A trixésima edición da Feira de San Isidro contará cunha poxa de gando frisón organizada por AFRICOR e na que están inscritas 25 reses. Na pasada edición vendéronse 21 exemplares a un prezo medio de 2.000 euros. Ademais, a cita gandeira ofrecerá unha exposición e concurso de raza Rubia Galega organizada por ACRUGA, unha feira de artesanía e alimentación con máis de 30 expositores de porco celta e galiña de mos, entre outros, e un espectáculo ecuestre. Así mesmo, a feira inclúe durante a xornada do sábado unha degustación de chourizos, liscos e outros produtos da zona, acompañada de música en directo por parte dun grupo musical.

A Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, a agradeceu o apoio e a implicación do ente provincial coa celebración da Feira e lembrou que “dende que chegamos ao Goberno Municipal asumimos e relanzamos a feira, xa que somos conscientes da importancia de recuperar as nosas tradicións e de que Sarria é un Concello que vive da gandería e da agricultura”. Pilar López recoñeceu o traballo e a colaboración de ACRUGA e AFRICOR por colaborar co Concello de Sarria para o desenvolvemento desta feira gandeira.

O Presidente de ACRUGA, Cesar Dorado Pin, subliñou a importancia desta feira para toda a provincia “pois con ela damos a coñecer a nosa raza, que tanto prestixio ten en todo o mundo”. O Presidente de ACRUGA informou de que participarán 30 xatas, 2 toros e 100 cabezas de gando do Centro de Recría Gayoso Castro”.