Xunta e FEV avalían diferentes vías de colaboración

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse con responsables da Federación Española do Viño (FEV) para avaliar diferentes vías de colaboración entre a Xunta e esta entidade en materia de ordenación, fomento e promoción do sector vitivinícola galego. 

A titular de Medio Rural atendeu as inquietudes deste colectivo sobre cuestións como a relación entre o cambio climático e a produción de viño ou o impulso a un consumo responsable. Ángeles Vázquez puxo en valor a función ambiental das axudas da Xunta para reestruturación e reconversión de viñedo en Galicia, que supuxeron unha inxección de 61,8 millóns de euros en achegas a este sector entre os anos 2000 e 2017. Nese período, estes fondos beneficiaron en total a 9.415 viticultores e dinamizaron máis de 4.000 hectáreas de superficie de cultivo. 

Neste mesmo sentido, Ángeles Vázquez salientou que estas achegas contribúen a evitar o abandono da viña, conservando así a paisaxe e limitando o risco de erosión, tendo en conta que o cultivo do viñedo é case o único que se pode dar en determinadas zonas pola súa perfecta adaptación ás condicións climáticas mediterráneas. 

A conselleira destacou tamén que este apoio á reestruturación e reconversión constitúe un factor decisivo para impulsar a competitividade do sector, especialmente en comunidades como Galicia, caracterizadas polas difíciles condicións para establecer un viñedo. Isto é así especialmente en zonas desfavorecidas ou con desvantaxes naturais e moito máis en áreas vitícolas de montaña ou en forte pendente, coñecidas como “de vitucultura heroica”, onde este eido produtivo ten ademais unha importante relevancia socioeconómica e ambiental. 

As achegas de Medio Rural tamén poden contribuír a mellorar os sistemas de produción sustentable e a pegada ambiental do sector para actividades como a reconversión varietal, a reimplantación de viñedos, melloras nas técnicas de xestión ou replantación tras o arranque obrigatorio (por motivos fitosanitarios). 

A conselleira explicou tamén que estas axudas inciden positivamente nun aumento da profesionalización do sector galego, ao tempo que se potencia a remuda xeracional e un desenvolvemento rural xusto e viable, facilitando o acceso ás explotacións das persoas mozas e capacitadas, así como ás mulleres viticultoras. Trátase, tamén, de potenciar a e elevada e diferenciada calidade dos nosos viños.