Sexta edición da Feira dos Carballiños

A Asociación de Veciños de Vilatuxe, parroquia do Concello de Lalín, recuperou a tradicional Feira dos Carballiños, que este ano acada a sexta edición o domingo 13 de maio. Trátase da recreación unha feira tradicional que comezou a celebrarse, segundo a documentación existente, a principios do século pasado, concretamente o 8 de outubro de 1916, segundo a historiadora dezá, Celia Doporto. 

Aquela feira celebrouse o día 8 de cada mes de xeito ininterrumpido ata a etapa do réxime franquista, acadando unha grande notoriedade como encontro comercial nunha zona próspera, atravesada polo Camiño dos Arrieiros.

No ano 2011 a Asociación de Veciños, que preside o empresario Gerardo López, decidiu recuperar a Feira dos Carballiños e contribuir así á dinamización do turismo da Comarca do Deza, nunha época (maio) na que a afluencia de xente diminúe con respeito aos primeiros compases do ano debido ao tirón do mes do cocido.

Así pois, a Feira dos Carballiños, de interese etnográfico e cultural, está ambientada na década dos 60-70 do pasado século. Trátase dunha recreación histórica con xente vestida de época, que amosa o 
que foi a feira na súa orixe, con trata de gando, rosquilleiras, pulpeiros, charlatáns, afiadores, ferradores, postos de alimentación, o carro dos arrieiros cos pipotes, autobuses de época e un sinfín de actividades e propostas.