Segunda edición da feira “Primavera no Camiño Inglés”

Co obxectivo de dar a coñecer os seus múltiples atractivos turísticos, gastronómicos e artesanais a Deputación da Coruña volve a celebrar "Primavera no Camiño Inglés", este sábado 5 de maio nunha feira que reunirá en Betanzos por segunda vez os dezaoito concellos coruñeses polos que discorre este itinerario xacobeo. 

A celebración comeza na praza García Irmáns de Betanzos dunha feira na que cada un dos 18 concellos (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) contará cunha carpa propia na que exporán a súa variada oferta turística, cultural e gastronómica con diferentes actividades.

Entre as actividades, levaranse a cabo sesións de showcooking en vivo e degustacións de produtos típicos de distintos puntos da provincia da Coruña como a tortilla de Betanzos, o pan e a empanada de Neda, o queique de Ordes, a proia de Pontedeume, o viño da terra de Betanzos, as troitas de Oroso ou o pan de Carral.

No acto de presentación, que contou coa participación do presidente, Valentín González Formoso, este destacou a aposta da Deputación nos últimos dous anos "para pór en valor un itinerario xacobeo singular, que discorre integramente pola provincia da Coruña e que ten un gran impacto tanto cultural como socioeconómico para os concellos polos que discorre".

Tamén estivo presente o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, Paula Cabaleiro, comisaria das actividades culturais que conforman o ciclo "Do camiño vivido", Xosé López, da compañía Fuso Negro Teatro e Cristóbal Ramírez, xornalista especializado no Camiño Inglés que impartirá diversas conferencias sobre as orixes e o impacto internacional desta ruta.