Santiago rezuma ambiente festivo pola Ascensión

Banda de música de Santiago
As actuacións de Folk na Rúa na zona vella, os concertos de OqueStrada e Caxade na praza da Quintana, a verbena da Orquestra Passarela na Alameda e a actuación de Susana Martínez no escenario Compostela é! Música do Toural marcan o itinerario festivo deste xoves, día grande das festas da Ascensión.

Compostela reviviu a súa tradicional cita coa feira cabalar no Mercado Nacional do Gando en Amio, que o Concello organiza en colaboración coa Asociación Pura Raza Cabalo Galego e a Escola Oficial de Jueces de Pura Raza Galega. Xunto a milleiros de persoas, boa parte da Corporación sumouse ao evento, presenciando os diferentes concursos e participando logo na entrega de galardóns, entre eles o Gran Premio Dragóns de Santiago, Trofeo Institucional do Concello de Santiago de Compostela.

Real Fhilarmonía de Galicia
A mañá das festas deixounos tamén unha nova ocasión de nos divertir coa comparsa de cabezudos, que percorreu a zona histórica, e a sesión vermú en Cervantes coa banda compostelá Cachas & Cousins.

Á tarde, a música tradicional de Folk na Rúa encherá as prazas da zona vella compostelá. A partir das 18:00 h, Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar e Ultreia levarán os seus sons ás prazas de Praterías, Toural, Cervantes e Obradoiro, para concluír o percorrido musical nunha actuación conxunta ás 20:00 horas na praza de Acibechería.

O escenario da praza da Quintana acollerá a partir das 22:00 horas o concerto de OqueStrada e Caxade. Da outra beira do Miño, chegan os sons festivos de Marta Miranda (voz), Jean Marc Pablo (contrabaixo), Marina Henriques (acordeón) e João Lima (guitarra portuguesa). A formación lisboeta OqueStrada chega cunha proposta singular que actualiza a música tradicional portuguesa e mexe o fado a ritmo de funk.

O concerto da Banda Municipal de Santiago coa Real Filharmonía de Galicia, que compartirán escnario por primeira vez, será a cita central do venres nas festas da Ascensión. A cita, ás 20:30 horas, na praza da Quintana e, en caso de choiva, trasladarase ao Auditorio de Galicia.

Alén deste concerto, ás 12:30 horas comezará a sesión vermú na praza de Cervantes con Esteban & Manuel. Merengue e cumbia mediados polo autotune cos que o dúo compostelán fará bailar a grandes e pequenos. Ás 22:30 horas, a Charleston Big Band encetará a verbena no paseo central da Alameda. e ás 23:00 horas, o escenario Compostela é! Música, na praza do Toural, acollerá a actuación de Novo Flamenco, un grupo de recente creación.