Salto cuantitativo e cualitativo na nova edición do "Lalín con Gusto"

A segunda edición do evento “Lalín con gusto”, unha iniciativa que naceu o ano pasado co obxectivo de promocionar o produto e a cociña de calidade, poñer en valor o enorme talento dos restauradores locais e diversificar a oferta turística do municipio foi presentada polo concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño -acompañado dos restauradores e dietistas participantes.

O programa deste ano, que se desenvolverá os días 16 e 17 de xuño, cambia substancialmente o enfoque para ampliar as súas temáticas e acadar, desta maneira, o gran salto cuantitativo e cualitativo que fará que este evento sexa “non só singular, senón único”.

Con respecto á infraestrutura, haberá unha ampliación e mellora da carpa e do mobiliario que se vai instalar para o desenvolvemento do “Lalín con gusto”, e que estará adaptada ao aumento da oferta deste ano. Ademais dos cociñeiros e restauradores que participaron na primeira edición, este ano o evento tamén contará con Pepe Solla como cociñeiro convidado. 

Como principais novidades este ano, “Lalín con gusto” amplía a súa programación ao domingo pola tarde con actividades para nenas e nenos, que terán a oportunidade de desfrutar dun taller infantil relacionado coa gastronomía e dun concerto de “Mamá Cabra”, co seu último traballo “Eu cociño, ti cociñas?”. 

Tamén se incorporan dous novos valores, como son os dietistas Vanesa Taboada e Máximo Gioiello, “que encaixan á perfección co concepto de Lalín con gusto”. De maneira complementaria, tamén haberá unha aposta importante por actividades lúdicas, con actuacións que farán moito máis atractivo o evento. Así, o sábado ao mediodía actuará “Nós” e xa pola noite haberá un concerto acústico de “Sés”, unha iniciativa “moi potente que situara o evento moito máis alá do concello de Lalín, falando en termos de repercusión”. 

O edil tamén salientou que o Goberno municipal está a realizar un investimento histórico para promocionar os valores gastronómicos de Lalín, con iniciativas como esta, que tamén diversifican a oferta turística e potencian os enormes atractivos de Lalín. “Para nós”, indicou Vilariño, “o Cocido é moi importante, pero Lalín é moito máis que iso, ten moito máis talento, o que nos permite presentar un programa no que diversificamos a variada oferta de cociña que temos e nos permitirá difundir a boa imaxe do noso municipio”.