Buscar/Hemeroteca

martes, 29 de mayo de 2018

Salimat reunirá a 27 compradores alimentarios de 15 países


O Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, o cal celebra a súa 22ª edición do 7 ao 10 de xuño, volverá contar no seu programa cos Encontros Internacionais de Compradores, un espazo de negocio que facilita ás empresas presente no certame a apertura de novos mercados, tanto en España como noutros países. 

Nesta edición os Encontros contarán por primeira vez coa participación de importadores procedentes dos Emiratos Árabes e Kazaxistán, os cales se tratan de importantes empresas de distribución alimentaria nos seus países de orixe. Os demais compradores aos que os expositores poderán mostrar os seus produtos son de Alemaña, Bélxica, Colombia, Grecia, Holanda, Italia, Lituania, México, Noruega, Perú, Reino Unido e Xapón, ademais de España. 

Destes participantes 18 son importadores e 9 son compradores nacionais, correspondéndose estes últimos con distribuidores, empresas do canal Horeca ou relacionadas con el e tamén cadeas de distribución alimentaria españolas ou con presenza no país como son Carrefour, Gadisa, El Corte Inglés e Cash Galicia. 

Así, en total serán 27 compradores, un 12,5% máis que na pasada edición, de 15 países, un 50% máis. En 2017 foran 24 empresas de 10 países as cales participaran en 1.100 reunións de negocio con 100 empresas de alimentación. 

Estes compradores contan con distintos perfiles que responden aos intereses das empresas expositoras. Entre eles figuran empresas centradas en produtos españois, especializadas en gama alta e gourmet, cadeas de restaurantes ou tendas de produtos exclusivamente galegos. 

Os produtos máis solicitados polo conxunto dos compradores participantes nesta edición son os queixos, conservas tanto de pescados e mariscos como vexetais, aceites e viños con Denominación de Orixe, snacks e tamén cárnicos frescos e elaborados. Ademais resultan de interese para moitos dos compradores os produtos ecolóxicos e artesáns en xeral.




No hay comentarios: