Buscar/Hemeroteca

martes, 29 de mayo de 2018

Proposta para mellorar a coordinación dos tres aeroportos

A Coruña e Santiago apostan por constituír un ente específico que sexa quen de captar rutas en Galicia avogando pola cooperación e non a competición entre aeroportos. Nel deberían estar representados, ademais dos tres entes municipais, as dúas deputacións provinciais, a Xunta de Galicia e Aena. 

O concelleiro de Emprego e Economía Social e presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, e a súa homóloga en Santiago de Compostela, Marta Lois, proporanlle á Xunta de Galicia unha posible solución para mellorar a coordinación dos tres aeroportos galegos, proposta que trasladarán de forma conxunta á administración autonómica e estatal na vindeira xuntanza do Comité de Rutas, prevista para este xoves en Santiago.

O obxectivo pasa por que neste ente novo se establezan as liñas de xogo para os aeroportos de Santiago, A Coruña e Vigo, así como o reparto de fondos que debería aportar cada administración para captar novos destinos. "Contra o abandono tanto da Xunta como de Fomento, desde A Coruña e Santiago propoñemos impulsar un novo órgano que teña como función a promoción e coordinación do transporte aéreo en Galicia, un obxectivo que non se está a cumprir desde o Comité de Rutas, a pesares de que levamos máis de dous anos solicitando que se tomen medidas ao respecto", explica o concelleiro coruñés.

Alberto Lema como Marta Lois, que levan apostando desde 2015 pola coordinación aeroportuaria e pola racionalización de recursos que permitan superar a competencia entre cidades, aseguran que nese ente, de carácter autonómico, crearase unha caixa común onde Concellos, Xunta e Deputacións acheguen fondos de maneira colaborativa a razón dun terzo cada unha. Esta proposta, de nivel autonómico, ten como obxectivo mellorar a conectividade e a cooperación dos tres aeroportos galegos, apostando cada un polas rutas que teñen asentadas, evitando a competencia entre as tres terminais, "da cal só se beneficia o aeroporto de Sá Carneiro, no Porto".

No hay comentarios: