Primeiro día do festival de Cans con especial atención á literatura

A 15ª edición do Festival de Cans comeza mantendo o seu espírito de sempre, ese agroglamour que xunta o achegamento ás últimas novidades culturais e cinematográficas e a celebración da identidade da aldea. 

Así, o primeiro día do Festival acollerá a proxección de Versogramas, un documental sobre o fenómeno da videopoesía dirixido por Belén Montero e Juan Lesta, que presentarán o filme xunto con Antón Reixa e a poeta e produtora Celia Parra. 

Pero ao tempo que se presta atención a esa nova tendencia, o mércores segue a ter lugar en Cans a Noite dos veciños e veciñas: a partir das 22:00, logo da homenaxe do Festival aos veciños Chelo Casalmorto e Constante Romero, o Torreiro acollerá a actuación das Pandereiteiras de Cans e os acordeonistas Acordecans ou a presentación do xurado dos veciños e dos guías dos camiños, ademais da estrea de Dona Sara: a mestra rebelde. Este documental, realizado por persoas da aldea no marco do proxecto Cans303, céntrase na figura de Sara Quinteiro, que foi mestra en Cans durante varias décadas. 

En paralelo a ese protagonismo da veciñanza, a programación do día inaugural do Festival de Cans destaca pola atención prestada á literatura. Ademais da proxección de Versogramas ás 17:00 no Baixo de Bugarín, ás 19:00 terá lugar no mesmo espazo a Final de ‘Ollo de Vidro’, o concurso de booktrailers que o Festival impulsou este ano partindo da iniciativa da canle de YouTube Recoméndoche un libro. Completa o programa literario o roteiro cinéfilo-literario que conducirá o escritor Carlos Meixide, autor da novela xuvenil Cans, ambientada na aldea. Meixide partirá ás 11:00 dende a Rotonda do Can para realizar estes paseos o mércores, xoves e venres, levando ás persoas asistentes polos enclaves que aparecen no seu libro e inundándoo de interesantes anécdotas e referencias cinematográficas. 

Tamén ocuparán o mércores, xoves e venres os Coloquios AISGE, promovidos pola entidade de xestión de dereitos dos intérpretes.