Presentación do Festival SAL Sabores Atlánticos no Salón de Gourmets

No marco do Salón de Gourmets 2018, o Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo, presentou  o Festival SAL Sabores Atlánticos, que celebrará a súa primeira edición os vindeiros días 15,16 e 17 de xuño e que pretende "promocionar a cidade como referente do turismo gastronómico do noroeste peninsular".

O evento, que impulsa o Concello conta coa colaboración de marcas como Cabreiroá ou Estrella Galicia 1906, "trata non só de poñer en valor a oferta gastronómica da figura senón tamén a figura dos e das produtoras tanto da cidade como da Área Metropolitana". Así o destaca o presidente do Consorcio de Turismo e concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, que salienta que "a oferta gastronómica da cidade é un dos nosos máis fortes reclamos, non só pola calidade da nosa cociña senón tamén pola dos nosos produtos, por iso este evento servirá tamén para destacar o sector produtivo". 

Deste xeito, e como indica o responsable municipal, "a restauración da Coruña terá un papel relevante no festival para expoñer a actual cociña da cidade, na que se dá cabida tanto á tradición como aos novos formatos e que reivindiquen a nosa gastronomía atlántica de carácter único".

Durante a presentación, á que acudiu á xerente do Consorcio, Lanzada Calatayud, e que se desenvolveu no stand oficial de Estrella Galicia, deuse a coñecer o spot oficial do evento, que xa se pode visualizar na web www.festivalsal.es. A continuación, dous cociñeiros, o Estrela Michelin Iván Domínguez (Restaurante Alborada e Arallo Taberna) e Javi Freijeiro (con Pracer, novo proxecto gastronómico, a piques de abrir as portas) participaron nun showcooking. Os dous membros do colectivo Coruña Cociña, co que o Concello colabora en diversas accións de promoción turística e gastronómica da cidade, elaboraron espárragos brancos recén cocidos á feira e xarda asada e afumada con agullas de piñeiro, puré de coliflor e fiúncho encurtido. Ao finalizar o showcooking tivo lugar unha degustación de produtos para todas as persoas asistentes.

f_