Presentación de "Ourense, a provincia termal" na asamblea da EHTTA

No transcurso da reunión do comité executivo da Asociación europea de cidades históricas termais (EHTTA) en Enghien-les-Bains (Francia), deuse conta dos proxectos termais desenvolvidos polos territorios que abrangue esta asociación e se analizou o vindeiro cumio termal europeo, que terá lugar en Ourense en outubro, con 40 representantes de 13 países.

Púxose en valor o labor que desenvolve a Deputación de Ourense co Plan "Ourense, a provincia termal" e a firme aposta polo termalismo que realiza o goberno provincial ourensán " e fíxose balance das actividades desenvolvidas ao longo de 2017.

Tamén se deu conta do programa que se desenvolverá en Ourense os dias 3, 4 e 5 de outubro na asemblea xeral da Asociación Europea de cidades históricas termais (EHTTA), e da cal o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, é vicepresidente, unha rede termal que é a máis importante de Europa, na que están presentes cidades como Baden Baden, Bath, Budapest, Vichy e a propia capital ourensá, unha das fundadoras, ao tempo que forma parte do Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais. 

Na reunión  participou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e tratouse asemade a celebración do comité científico termal, que celebrará a súa xuntanza en Ourense o día 3 de outubro.