A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na súa visita empresa Celtaverde, en Taboada (Lugo), responsable do matadoiro do concello lugués, desvelou que o sector da carne ten previsto realizar importantes investimentos na nosa comunidade a través das axudas de transformación e comercialización que xestiona a Xunta e para as que hai un orzamento de 29,1 millóns de euros para este ano.
Precisamente a empresa Celtaverde foi beneficiaria destas axudas en anos anteriores. En concreto, dende 2012 a 2017 puido ir renovando as súas instalacións en Taboada, grazas ás achegas da Xunta. En concreto, neste período recibiu máis de 171.661 euros para un investimento de preto de 393.000 e cos que conseguiu diferentes melloras: dende un túnel de conxelación, a equipamento informático, pasando por reformas para garantir a eficiencia enerxética.
A conselleira do Medio Rural felicitou aos propietarios desta empresa de carácter familiar polo seu afán emprendedor e de seguir mellorando para así facer máis competitiva a compañía. De feito, Ángeles Vázquez sinalou que este é un dos obxectos destas axudas, apostar pola transformación e comercialización dos produtos que se producen en Galicia para aumentar o seu valor e así os ingresos das industrias.