Historia e música para desenterrar o pasado de Lugo

A programación cultural do Concello de Lugo para esta semana está chea de historia e música. Este xoves, ás 20:00 horas, no Vello Cárcere, dentro do ciclo de conferencias Desenterrar o pasado, Francisco Hervés, director das excavacións arqueolóxicas, falará sobre un dos monumentos máis representantivos do legado cultural romano da cidade, as Termas Romanas. 

Tamén no centro cultural do Vello Cárcere, está programado o concerto Shoah para violín e Templo Sagrado, de Jorge Grundman, a cargo do violinista Vicente Cueva e o narrador Jaime Arranz. A actuación está enmarcada dentro do Festival de Música da Cidade de Lugo, que tamén contempla este sábado, 2 de xuño, unha xornada de música nas rúas, a cargo do alumnado do conservatorio e as escolas de música, das 12:00 ás 20:00 horas.

O V Festival de Órgano Corpus Christie de Lugo,  arrincará o venres día 1 de xuño, coa colaboración do Concello, na Catedral de Santa María. Será a partir das 20:45 horas con Hans Ole Thers. Ao longo do vernes e sábado tamén se celebrará o obradoiro Palabras, enmacado na programación xuvenil Ti que contas?, nos espazos exteriores do Vello Cárcere.

Unha das propostas para sábado é a andaina Pasos con historia, Descubre o Camiño Primitivo. Ás 20:00 horas, continúa o II Ciclo A Liberdade dende a Música, no Vello Cárcere, coa actuación do concertista de prestixio internacional Pablo Dopazo, que ofrecerá o concerto Frecuencias Liberadas, con bombardino, serpentón e electroacústica.

O domingo as alternativas arrincan cunha ruta de antropoloxía e etnografía, A vida cotiá na época castrexa. En xornada de tarde, ás 19:00 horas, no Vello Cárcere, proxectarase o filme A tumba de Gengis Kan, o segredo desvelado.

O Concello tamén ofrece visitas guiadas polo Vello Cárcere, de xoves a domingo, e a mostra de fotografía Irán, París, Lugo e a de escultura, Ledesma, no Vello Cárcere; ademais das permanentes sobre a memoria histórica do centro; así como a de pintura Unha vida para pensar, e a das Cohors III Lucensium, estas dúas últimas no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).