Galmesano, queixo novidoso en Galicia e en España

Galmesano é un queixo de pasta dura cocida que pasa un periodo de maduración dun mínimo de 12 meses antes da súa saída ó mercado. Elabórase en pezas de arredor de 12-13 quilos, con forma de roda, e o seu uso preferente sitúase nas elaboracións culinarias, tanto raiado como fundido ou lasqueado. Da súa elaboración encárgase a empresa do mesmo nome, Galmesano, que xestiona a antiga queixería da cooperativa La Arzuana.

Na presentación deste produto novidoso, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, salientou que se trata dun produto novidoso, curado e con peculiaridades que ata o de agora non se contemplaban nesta zona de produción de leite. Amosou, por iso, o seu convencemento de que “se fará un oco no mercado”. 

Ángeles Vázquez felicitou os promotores desta iniciativa “por apostar polo rural”, asentándose nunha comarca de interior, así como por crear emprego (sete postos de traballo directos e outros 25 indirectos, dos gandeiros aos que recolle leite) e puxo en valor o gran volume de leite que lle subministrarán estes produtores da contorna. 

Alí, a titular de Medio Rural Medio Rural destacou a importancia de dotar de valor engadido á produción láctea galega mediante a súa transformación, que permite darlle saída ao leite máis alá da súa venda en crú. Explicou que a Xunta impulsa estes procesos e por iso ven de poñer a disposición do sector un total de 52 millóns de euros que apoiarán os investimentos das industrias agroalimentarias en transformación e o 20% destes proxectos corresponden ao sector leiteiro. Estes fondos permitirán, engadiu, a mobilización en dous anos de 200 millóns de euros na nosa comunidade. 

Galicia é líder de produción de leite no conxunto do territorio nacional, con preto do 40% da produción, o que supón unhas 225.000 toneladas ao mes e que este sector aporta ao PIB galego un total de 815 millóns de euros. Con estas cifras, “está claro que temos un gran potencial, e debemos explotalo”, tal como fan industrias como Galmesano e outras, caso de Goodleit en Curtis, Entrepinares en Vilalba ou Leche Celta en Pontedeume, dixo a conselleira