Galicia Calidade, protagonista no Festival de Cans


Galicia Calidade volve colaborar co Festival de Cans, que se celebra do 24 ao 27 de maio nesta localidade do Porriño (Pontevedra), difundindo entre o público asistente o vindeiro sábado a importancia de contar con produtos certificados na gastronomía. 

Deste xeito, ás 11.30 horas, na Leira de Alicia¸ o barista e recentemente galardoado como mellor tirador de Galicia de cervexa e terceiro do mundo, Óscar de Toro, fará unha degustación de café, elaborado con produtos certificados por Galicia Calidade, momentos antes da celebración do coloquio sobre cinema con Fernando Trueba. O mesmo barista fará o propio ás 17.00 horas no segundo dos coloquios cinematográficos, neste caso coa directora Gracia Querejeta. 
Galicia Calidade tamén colabora coa organización do festival, ao ofrecer a comida e a cea oficial que brindará aos seus convidados, elaborada polo chef Kike Piñeiro, propietario de A horta do Obradoiro, en Compostela, recentemente recoñecido co Big Gourmand. Os menús estarán elaborados con produtos alimentarios das empre4sas amparadas co selo de garantía Galicia Calidade.


Entre as empresas certificadas por Galicia Calidade que van estar presentes na degustación atópanse Coren, Jealsa, Rosa de los Vientos, Pazo de Vilane, Torre de Núñez, Queixería Cas Leiras, Lácteos Anzuxao, Granja Campomayor, A Pementeira, Avícola de Galicia, Conservas A Rosaleira, Puerto de Celeiro, Ingapán, Hornos San Fiz, Jamones González, Mondariz e Feiraco. Ademais esta degustación de produtos estará maridada cos viños de HGA Bodegas, coas súas marcas Altos de Torona e Regina Viarum. 

Galicia Calidade conta na actualidade con 104 empresas e máis de 350 produtos certificados, onde o sector alimentario e turístico suman gran parte das certificacións. Nos últimos anos o incremento de empresas certificadas foi significativo, cunha achega a sectores galegos importantes como a xeotermia, o granito ou a planta ornamental.