Gadis reafirma o seu compromiso coa lingua galega

Supermercados Gadis ratifica o seu compromiso coa cultura e, especialmente, coa difusión do galego mediante un programa de accións que toman como marco a celebración do Día das Letras Galegas, co que a compañía sempre mantivo unha ligazón especial. 

Neste 2018, Gadis rende homenaxe á autora conmemorada o vindeiro 17 de maio, María Vitoria Moreno, e introduce, como novidade, unha vertente solidaria mediante a redifusión dun libro de Os Bolechas, que poderán obter os clientes de Galicia de forma gratuita o 16 de maio ata fin de existencias. 

María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, 1939-2005), estremeña de nacemento e galega de adopción, é a cuarta muller, despois de Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño que é distinguida no día grande da literatura en galego desde a súa instauración en 1963. 

Gadis réndelle tributo coa entrega aos seus clientes de 50.000 marcapáxinas que inclúen un dos poemas de “Elexías de luz” e a distribución de máis de dous millóns de bolsas cun fragmento de “Diario da luz e a sombra”. 

“Elexías de luz”, publicado de forma póstuma, amosa outra faceta da autora, máis coñecida pola súa obra en prosa, entre a que destaca “Anagnórise”, unha das creacións máis populares da narrativa xuvenil en galego. “Diario da luz e a sombra” é un ensaio no que Moreno recolle en primeira persoa a súa experiencia nos últimos anos de vida. Pedro Ferriol, viúvo da escritora, glosou a figura de quen, namorada da nosa terra e a nosa lingua, sentiunas como propias. 

Por outra banda, Gadis lanza unha reedición de 30.000 volumes de “Papá Bolechas doa sangue”, protagonizado pola popular familia creada polo ilustrador e deseñador Pepe Carreiro. Nesta ocasión os seis irmáns protagonistas ceden o espazo principal ao seu pai, que acode a doar sangue a unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue. 

A obra, dirixida a un público infantil, fai fincapé no carácter necesario, solidario e gratuíto da doazón. Con espírito divulgador, o libro detalla os pasos que se seguen e os requisitos necesarios -idade, peso, tensión-, sempre baixo supervisión médica, ademáis de trasladar de forma amena as características e propiedades dos compoñentes do sangue.