Fin de semana gastronómico coa Festa da Troita e do Galo de Curral

Este fin de semana as Rías Baixan teñen unha proposta gastronómica coa celebración da Festa da Troita e do Galo de Curral na provincia. 

A Festa da Troita, en Ponte Caldelas, é das celebracións gastronómicas máis antigas da provincia. Remóntase nada menos que a 1967 alcanzando neste ano o seu LII edición. O que foi un evento organizado por uns amigos converteuse na exaltación dun dos seus mellores pratos con dous días de celebración.

Os actos comezarán o sábado temperán a partir das 8:30 da mañá co Concurso de Pesca Deportiva Senior e Veterano. A tarde virá acompañada dun certame coral ademais dos postos habituais de degustación gastronómica. Xa o domingo, celebrarase a segunda parte do Concurso de Pesca, Feminino, Xuvenil e Infantil e continuarán as actividades gastronómicas.

Da Festa do Galo de Curral, destacar a particularidade do galo de curral de Vila de Cruces é que é criado en liberdade, repercutindo directamente na calidade da súa carne. O domingo 27 de maio celebra o seu primeiro cuarto de século, case a metade que a Festa da Troita. 

Entre as actividades programadas para a festa destaca o pregón que realizará este ano o popular presentador Carlos Lozano ás 13 horas. Dúas horas antes, ás 11, haberá unha exposición de tractores clásicos. E xa pola tarde terá lugar o Festival de Bandas de Galicia a partir das 17:30 horas.

Os criadores de Galo de Curral da zona agardan que a festa sexa todo un éxito e que contribúa, un ano máis, a dar a coñecer este produto que aspira a conseguir unha denominación de orixe ou o selo de produto de calidade, co obxectivo de abarcar todo o mercado nacional.