Feiraco deu a coñecer a sétima edición do tradicional Certame de Microrrelatos que impulsa para celebrar a festividade das Letras Galegas. Organizado en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Pousadas de Compostela, no acto de presentación participaron os representantes de CLUN, José Montes e Pablo Gómez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o viúvo de María Victoria Moreno, autora homenaxeada neste 2018, Pedro Ferriol, e o director-xerente do grupo Pousadas de Compostela, José Manuel Otero.
Este ano, ademais, Feiraco ten programadas outras accións conmemorativas pola festividade do 17 de maio como a campaña de animación á lectura “Practica a LEITura”, que sortea 150 exclusivos carteis vintage; a reedición dos contos De onde vén o leite?, para explicarlles aos máis pequenos o proceso de obtención do leite desde a granxa á mesa; e colabora na V Carreira Camiño das Letras e no Concurso-Exposición Letras Galegas 2018, que convoca anualmente a Secretaría Xeral de Política Lingüística dirixido a centros de educación infantil, primaria, secundaria, formación profesional e ensinanzas especiais.
Por sétimo ano consecutivo, Feiraco impulsa o seu xa tradicional Certame de Microrrelatos Letras Galegas 2018, incentivando a creación literaria e animando a todos os galegos que queiran participar a compartir os seus relatos a través dunha aplicación que estará dispoñible desde hoxe na páxina oficial Facebook/Feiracolacteos (https://www.facebook.com/Feiracolacteos/).
Establécense dúas categorías: de adultos (a partires dos 19 anos) e infantil-xuvenil (de 13 a 18). Para participar será necesario compartir na aplicación do concurso que está subida á web de Feiraco un relato orixinal, escrito en galego, que comezará coa frase "Subiu ata o faiado da casa e alí…”da obra
A festa no faiado, protagonizada pola boneca Uxía, da autora homenaxeada este ano, Ana María Victoria Moreno, que non debe superar os 500 caracteres incluídos espazos e a frase inicial proposta. Todos os interesados en participar poderán consultar as bases legais do certame en Facebook/Feiracolácteos.com e terán que enviar os seus microrrelatos desde hoxe ata o vindeiro 17 de maio.