Feira de antigüedades en Expourense


Expourense acolle esta fin de semana do 26 e 27 de maio a primeira edición de Antiq Auria, Feira Internacional de Antigüidades, que reunirá a 53 expositores procedentes de 5 países (España, Portugal, Francia, Suíza e A Arxentina). Trátase dun evento organizado de forma conxunta entre o recinto feiral e a Asociación “Memoria Antiga” de Ourense. Esta nova cita do calendario feiral de Expourense foi presentada nun acto no que participaron o cofundador de “Memoria Antiga” e xerente de Antigüidades Urbano, José Antonio Ferreiro, e a directora adxunta de Expourense, Emma González. 

Antiq Auria, punto de encontro de nostálxicos, presentará multitude de obxectos únicos e cheos de historia divididos entres sectores. A primeira delas será a das antigüidades propiamente ditas (obxecto con máis de 50 anos) como xoguetes, teléfonos, reloxos, mobles, xoias, porcelanas, etc. Neste área contarase coa presenza de expositores como Gold Cash de A Arxentina, referencia mundial en xoias antigas. A outra área será o coleccionismo onde se poderán atopar numismática, filatelia, medallas militares, etc. Aquí cabe destacar a presenza do expositor Anticuo Neton de Burgos, unha referencia en Europa en medallas e artigos militares. Por último, esta cita conta tamén cun área reservada para os afeccionados aos obxectos vintage (sec. XX), que se teñen convertido nunha moda e nun referente á hora de decorar os fogares. 

Participan nesta feira expositores procedentes de todos os puntos de España e tamén expositores franceses e suízos que adoitan participar nos principais mercados centroeuropeos do sector. O obxectivo de Antiq Auria, tal e como indican dende “Memoria Antiga”, é “poñer en valor o antigo e que a xente conserve e lle teña cariño as cousas vellas porque son parte da súa historia”. Ao mesmo tempo, queren promover o hábito de mercar antigüidades. Dende esta entidade destacan ademais que o mercado de antigüidades en Ourense é todo un referente nacional pola súa calidade e variedade e que hai moita tradición entre a cidadanía. Este é un dos motivos polos que estarán presentes os anticuarios de referencia da provincia e tamén do resto de Galicia. 

Ademais de punto de venta, Antiq Auria tamén pretende servir para que os visitantes teñan a posibilidade de taxar ou vender aquelas obxectos antigos que teñen nos seus fogares. Os interesados poderán coñecer o valor/prezo estimado das antigüidades e vendelas se lles resulta de interese. 

O horario de apertura do evento será sábado 26 e domingo 27 de 11.00 h. a 14.30 h. e de 16.00 h. a 21.00 h. O prezo da entrada será de 2 euros e gratuíta para menores de 12 anos.