Falar da Estrada é falar de Salmón, este domingo XLV edición da festa gastronómica

Falar de A Estrada e lembrar o salmón é unha obriga para degustadores e pescadores. Este municipio, situado ao norte da provincia de Pontevedra, comarca de Tabeirós-Terra de Montes, na zona central de Galicia, atesoura o río Ulla, onde, ao abeiro da primavera, se encamiñan os salmóns. 

A súa festa gastronómica, estamos na edición XLV, chega o terceiro domingo de maio, o día 20 niste caso, e atrae a milleiros de persoas. É cita referencial no calendario galego e, ademais das degustacións de rigor, non falta o XLI Concurso Internacional da Pesca do Salmón. A festa foi declarada de Interese Turístico de Galicia en 2013.

Conta A Estrada co maior número de coutos salmoneiros de Galicia -Sinde, Couso (O Xirimbao), Santeles, Pontevea e Ximonde- que a converten nun espazo axeitado para enfrontar o reto da pesca do chamado rei do río.

Un desafío pola dificultade das capturas e a necesidade de coñecer debidamente as augas, as correntes e os hábitats piscícolas, xunto co dominio das artes e os comportamentos deste peixe singular e de gran forza. E dos coutos aos fogóns.

Presumen os estradenses dun cento de maneiras de preparar o salmón. Imposible ha resultar citalas todas, mais abondará con algunhas modalidades: á xuliana, ensalada de escalfardos con pasta á  menta, ao estilo da avoa, ao forno, en col rechea, á pementa, en brocheta, salvaxe, mariñado…Ben en forma de tapas -unha ruta moi especial e seguida e celebrada nos días previos-, ben na xenerosa degustación popular o día grande na Praza do Mercado, haberá ocasión para saborear estas e outras preparacións ao xeito máis tradicional ou segundo as propostas dos cociñeiros innovadores. (Máis en: www.festadosalmon.com).

En calquera caso, non faltarán outros moitos alicientes, desde propostas feirais (antigüidades e artesanía, por exemplo, ademais de exposicións, festival folclórico, concertos e música na rúa, así como outras chamadas en clave lúdica, deportiva ou cultural).

O protagonismo do salmón, deportivo-pesqueiro e culinario, abre o gran ciclo festivo estradense, particularmente vencellado á natureza, que ten outro fito na primeira semana de xullo na Rapa das Bestas de Sabucedo, unha espectacular celebración con máis de catrocentos anos de historia, declarada de Interese Turístico Internacional.

Conta, polo demais, o municipio con boas infraestructuras e unha ampla oferta deportiva (www.turismo.aestrada.com) tamén para os practicantes do sendeirismo, de pequeno e gran percorrido, rutas BTT e deportes de aventura.

Pero, como o salmón é o protagonista destes días, a hostalería local ofrece unha atractiva panopia de especialidades que se mantén antes e despois do propio día da festa.