Fado, flamenco e a canción de autor no Castelo de Santo Antón


O Castelo de Santo Antón mecerase ao son de tres artistas únicas que deron voz a tres xeracións e que, coa súa arte, marcaron o presente de estilos tan ricos e dispares como o fado, o flamenco ou a canción de autor. Un dos escenarios máis singulares do Festival Noroeste Estrella Galicia que para esta 32º edición contará coa cantaora Rocío Márquez, a vocalista de fados Dona Rosa e a cantante de folk hipnótico Maria Arnal (que actuará no Noroeste Estrella Galicia acompañada pola súa parella artística Marcel Bagés). 

Rocío Márquez demostrará o martes 7 de agosto por que é considerada coma unha das grandes renovadoras do cante flamenco dos nosos días, grazas á súa exquisita sensibilidade e á súa singular mestura de tradición e vangarda. 

Pola súa parte, a voz poderosa e máxica de Dona Rosa, unha das figuras máis sobresaíntes da escena musical portuguesa, dará renda solta aos seus melancólicos fados con alma de blues, forxados nas rúas lisboetas, o mércores 8 de agosto no Castelo de Santo Antón. 

Finalmente, Maria Arnal i Marcel Bagés aterrarán o xoves 9 de agosto na Coruña co seu folk magnético, íntimo e comprometido no que será un dos directos máis esperados do festival, tras alcanzar a cima das listas de éxitos en 2017 co seu disco debut, 45 cerebros y 1 corazón.