CUANTITATIVA, E CUALITATIVAMENTE _ HGgT 213

Debemos subraiar nesta edición dous acontecementos que nos portenden, que nos afectan felizmente. Volver cunha gala despois dun paréntese de cinco anos -intencionado, pero paréntese- non deixaba de ser un reto, unha incógnita sobre a resposta da chamada, conscentes, e xa o valoramos cando o decidimos, de que se interrumpía unha previsión xa chantada nas axendas de centos de empresarios, profesionais e representacións institucionais e socioeconómicas do país. Podía pasar como coas consecuencias daqueles loitos longos de antano: cando volvía a festa, á moza xa non lle quedaban mozos coetáneos…

Volver con cambios sustanciais, abandonando compoñentes definitorios como era a forte presencia político-institucional que caracterizou as galas HGg&T na década do cambio de século, era outro vector do rediseño pendente de resultados, por máis que na decisión pesou decisivamente a propia opinión do resto dos convocados -os empresarios e profesionáis que representan a esencia e sustancia real da cita- proclives á reducción de protocolos, oficialismo que, en parte, atenuaban a forte componente socioeconómica dos reunidos. 

Inclinaron a pesa dous argumentos irrefutables: un reiterado e convincente, o de tantos amigos declarándonos que a Gala HGg&T era “o único evento no que me encontro con xente que non vexo en todo o ano”. Ratificaba a nosa propia vocación: sermos punto de encontro intersectorial, o que non proporcionan as convocatorias estrictamente gremiais…

A outra era unha preocupación e consecuencia pragmática: as presencias institucionais complican o protocolo, condicionan ata última hora a organización, introducen unha tensión cando non desvían a 
atención dos verdadeiros protagonistas, os sectores concomitantes entre a hostalería e o turismo e a industria e servicios proveedores. E ninguén desta nosa xente nos dixo que acudía á gala por saudar ao presidente de turno…

Así que decidimos, coa oportunidade da “vida nova”, compartir protagonismo coa mesma xente que compartimos traballo, relación profesional, apoiaturas económicas e proxección social. E a resposta foi a que ven, cuantitativamente notable (e máis, celebrándose nunha vila conscientes de que non pode aportar masa aborixen ao acto), cualitativamente sobresaínte, e máis tendo en conta que o sector do viño estaba dividido na feira de Bruselas. 

Representacións sólidas, de peso na vida socioeconómica galega -ninguén sobra, pero o frikismo ten caldos de cultivo máis doados- e a constatación de que se valora un traballo, e unha forma de trabllar. Grazas, moitas grazas, pola fidelidade. Por crer en HGg&T, por facernos creíbles.

O outro acontecemento é unha consecuencia. A mellora constante á que nos comprometemos, como resposta a confianza tal. Consideren un agasallo o novo suplemento de motor e andainas que incorporamos con este número, outro dos fitos celebrantes no ano que representa a etapa final para o XXV aniversario da fundación de HGg&T. 

Convencidos de que vai ser orientativa e útil nesta outra vertente da viaxe -para elo, fai falta medio de transporte- pero tamén do negocio, porque recollerá tamén información sobre vehículos industriais. Depende dun probado experto de proxección ibérica, José Magallanes. Benvido, benvidos.