Blogguers visitan a D.O. Valdeorras

Un grupo de nove bloggers e xornalistas especializados relacionados co mundo do viño desprazarase ata Valdeorras nesta fin de semana para coñecer a potencialidade do territorio amparado, así como as características e os valores diferenciais dos brancos e tintos da comarca. 

Trátase dunha acción promocional promovida polo Consello Regulador con participantes procedentes de diversas cidades españolas tales como Madrid, Málaga, Valencia ou Bilbao, entre outras, que posteriormente reportarán nos seus textos as singularidades dos viños da zona. 

A iniciativa desenvólvese dentro do obxectivo do Consello Regulador de traballar “máis intensamente no fortalecemento da marca Valdeorras”, tal e como asegura o presidente do organismo, José Luis García Pando, que se reunirá co grupo de prensa participante na iniciativa. 

“Queremos favorecer un mellor grao de coñecemento dos nosos viños porque isto axudará a que as nosas bodegas poidan vender máis”, apostilou o máximo responsable da D.O. Os bloggers e xornalistas especializados visitarán viñas emprazadas en zonas de val e ladeira dentro do territorio amparado e coñecerán de primeira man diferentes covas emprazadas en Vilamartín de Valdeorras e Seadur. 

Xunto a isto, terán ocasión de degustar diversas propostas gastronómicas autóctonas en restaurantes da zona, que serán maridadas cunha selección de viños valdeorreses. Paralelamente, está previsto que o grupo realice desprazamentos pola comarca para coñecer algúns puntos de interese turístico tales como o santuario das Ermitas (O Bolo), o Barranco Rubio (A Rúa) ou os cañóns do Sil, entre outros.