Posta en marcha coa intención de protexer, poñer en valor e recuperar a forma tradicional de facer repostería no cerne de Galicia, a Festa do Melindre e da Repostería Tradicional da Terra de Melide celébrase cada ano o segundo fin de semana do mes de maio, nesta particular encrucillada de camiños que a Compostela levan.
Se ben é certo que o melindre é o produto máis recoñecido de Melide, elaborado a base de xema de ovo, fariña e azucre; nos últimos tempos a homenaxe estendeuse a outros doces típicos do municipio como o rico, cuxos ingredientes son a manteiga de vaca, fariña, ovos, azucre e anís; e o amendoado, a base de clara de ovo, améndoa e azucre.
A cita reposteira chega nesta súa vixésimo sétima edición os días 12 e 13 de maio, datas nas que Melide se converte no destino máis doce de Galicia. Nesta cita os mestres artesáns da repostería tradicional melidense ofrecerán aos veciños e visitantes os seus produtos incomparables, nunhas
xornadas nas que tamén teñen lugar numerosas actividades lúdicas e culturais acompañado cunha feira de produtos gastronómicos artesáns.
Nesta invitación a perderse por Melide que propoñen dende o Concello, durante todo o ano e especialmente nestas datas, cabe destacar que os ricos son un doce exclusivo da repostería tradicional das Terras de Melide que non pode encontrarse en ningún outro recuncho da xeografía galega, que xunto co melindre e co amendoado convértense nos reis da sobremesa.
Melide é, polo demais, vila de peregrinos, aventureiros e camiñantes, lugar onde repoñer forzas cun bo polbo á feira; ruta pola que chegan os peregrinos do Camiño Primitivo e o do Camiño Francés. Aquí, na maxestuosa Praza do Convento, epicentro da festa, conflúen ambos e xuntos camiñan rumbo a Compostela.
Quédanlles aínda 60 quilómetros por percorrer, pero no padal persistirán as doces sensacións dos melindres, ricos e amendoados para facer máis levadeiro o Camiño.