Arranca unha nova edición da ICC Week

Hoxe comeza acuarta edición da Ourense ICC Week - Marco das Industrias Culturais e Creativas nun acto inaugural que reunirá no Centro Cultural Marcos Valcárcel a Bárbara Ouka Leele -fotógrafa e deseñadora-, Paco Clavel -artista e axitador cultural-, e Juan Sánchez -documentalista e comisario cultural-, para rematar nunha conversa arredor da "Cultura no deseño" que terá como protagonistas á ilustradora, deseñadora gráfica e motion grapher ourensana María Grande, e a Javier Mariscal, coñecidísimo Premio Nacional de Deseño famoso por ter creado ao Cobi nos Xogos Olímpicos de Barcelona ou por ser o creador do taburete Dúplex.

Ao longo da semana debatirase en diversos lugares da provincia sobre a fotografía, a música, o cinema, a arqueoloxía, o humor, as TICs, o gaming, e a xestión cultural. A industria musical centrará o seu discurso nunha xornada na que os músicos e compositores Nacho García Vega e Luis Mendo falarán arredor da "Supervivencia na xungla dixital". 

Na programación desta edición destaca tamén o tratamento do humor como industria cultural e creativa. Arredor desta temática desenvolverase unha mesa redonda baixo o título “Humor e creatividade, a parella perfecta”, que xa ten as súas entradas esgotadas e contará co xornalista Manuel de Lorenzo, o presentador Juanra Bonet, a escritora Moderna de Pueblo e os humoristas e guionistas Alberto Casado e Rober Bodegas. Ademais, tamén terá lugar un espectáculo de comedia a cargo de “Pantomima Full”, o sábado, 5 de maio, ás 20.00 horas, no Teatro Principal da cidade.

O apartado musical, a “ICC Music”, terá como protagonistas a Mikel Erentxun e á banda musical Morgan, completándose o programa coa sesión “ICC Show Vermú” na que actuarán Rufus T. Firefly, Esposa, Bifannah e Silvia Superstar DJ.

Coincidindo co Ano Europeo de Patrimonio Cultural, no que ao longo deste 2018 se celebran a diversidade, a historia compartida e a riqueza cultural na Unión Europea, ICC Week contará cunha das súas grandes novidades: un simposio internacional de grandes especialistas en patrimonio que levará por título "O Patrimonio Rupestre Europeo". A actividade estará coordinada polos profesores Jorge López Quiroga (Universidade Autónoma de Madrid) e Carmela Crescenzi (Universidade de Florencia) e terá como centro do debate a investigación, a xestión, a difusión e o patrimonio cultural visto non só como un legado do pasado, se non tamén como un recurso para o noso futuro.