Anadaina "O Agarimo da Natureza" para coñecer Rairiz de Veiga

O día 27 de maio terá lugar a cuarta edición da andaina popular "O Agarimo da Natureza", que invita a coñecer os espazos máis significados do concello de Rairiz de Veiga. Comezará ás nove e media da mañá e terá un percorrido duns vinte quilómetros, pasando polas veigas de Ponte Liñares, o Castelo da Saínza, a Vía Nova recentemente rehabilitada, así como tamén a Carballa da Rocha, unha das árbores máis senlleiras de Galicia declarada monumento natural no ano 2006.

"Estamos diante dunha magnífica ocasión para dar a coñecer este municipio, máis aló da súa tradicional Festa de Mouros e Cristiáns", dixo durante a presentación o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, institución que colabora nesta andaina "como en moitas outras, pois serven para amosar a notable riqueza natural e cultural do noso territorio".

A alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade destacou que na presente edición haberá como novidade un circuíto infantil de dous quilómetros ao redor do campo da festa, subliñando que a andaina coincidirá ademais coa feira mensual de Rairiz.

Os organizadores esperan ao redor de 200 participantes, mesmo chegados de Portugal como en anos anteriores, que gozarán de puntos de avituallamento. A inscrición poderá realizarse na Casa do Concello ata o mércores, día 23.

f_depourense.es