A tradicional carpintería de ribeira de Aruosa Norte no Festival Marítimo de Pasaia

O patrimonio cultural e cultura marítima da Mancomunidade Arousa Norte estase a amosar través da tradicional carpintería de ribeira e da man da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (AGALCARI) no Festival Marítimo de Pasaia 2018 . Dous carpinteiros de ribeira que amosan en vivo os traballos de elaboración artesanal de distintas pezas que formarán parte dun bote de carril, típico e moi utilizado nesta zona da Ría de Arousa.

Arousa Norte complementa a súa presenza neste festival marítimo, o primeiro de embarcacións tradicionais que se celebra en Euskadi, cun punto informativo no que facilita información sobre a oferta turística de Arousa Norte a través de varios folletos informativos, coma o folleto náutico Arousa Norte: 365 días navegables, en francés e inglés, mapas e roteiros náuticos e a motor.

A entidade amosa deste xeito a supervivencia dunha das actividades máis prósperas da Ría de Arousa como foi a carpintería de ribeira que estivo presente na historia desta zona a través dos múltiples estaleiros que bordearon toda a Ría e nos que se construían lanchas xeiteiras, dornas, balandros, galeóns, traíñas ou gamelas. Nesta ocasión, os carpinteiros construirán un bote de carril de 5 metros de eslora e 2 de manga, con popa de espello e vela cangrexa.

O Festival Marítimo de Pasaia, que remata hoxe, pretende poñer en valor ao tempo que visibilizar o patrimonio marítimo facendo especial fincapé na cultura do mar e as embarcacións tradicionais, na que non faltan as actuacións musicais, degustacións gastronómicas, gastronomía e obradoiros ao redor das embarcacións tradicionais.