A Estrada acolle o 2 de xuño a VII Feira da Sidra Natural e Ecolóxica


A VII Feira da Sidra Natural e Ecolóxica celebrarse o sábado 2 de xuño na Estrada contará coa participación de lagares nacionais e internacionais (de Alemaña, Francia, Inglaterra e Portugal). As degustacións do produto exaltado complementaranse con outras actividades de carácter cultural e con diferentes actuacións e concertos.

Na presentación desta feira, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou que a produción de sidra en Galicia “está en auxe” e que “cada vez son máis os agricultores que apostan pola mazá natural e ecolóxica como forma de diversificar os aproveitamentos no agro”

Nos últimos cinco anos en A Estrada, onde se produce unha das sidras de máis alta gama de Galicia, a sidra Ribela, incorporáronse un total de 19 persoas ao ámbito da froiticultura de mazá de sidra e 11 delas solicitaron axudas de Medio Rural para impulsar este tipo de actividades.

A presentación da festa tivo lugar nas instalacións de Sidra Natural Peroja e a conselleira felicitou aos responsables desta empresa “polo seu labor a prol das producións agroalimentarias propias da contorna”. Puxo en valor, ademais, o feito de que comercializan arredor de 5.000 litros de sidra ecolóxica ao ano.

Este tipo de actividade, sinalou a conselleira, contribúe de xeito moi importante á dinamización da economía local, coa conseguinte creación de riqueza e emprego, e favorece tamén a fixación da poboación que –lembrou– constitúe un dos grandes obxectivos da Xunta dentro das súas políticas para o rural.

Ángeles Vázquez manifestou ademais que este aproveitamento sustentable da riqueza natural de Galicia “constitúe unha das claves de futuro do noso agro, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social”. Por iso, engadiu, a Xunta fomenta, entre outras estratexias, “as canles curtas de comercialización e o equilibrio en toda a cadea de valor da produción agroalimentaria”, baseándose na colaboración público-privada para acadar estes obxectivos.