
Xunto a isto, no Pleno informouse de que entre os vindeiros 21 e 23 de maio o Consello Regulador participará na London Wine Fair de Londres. Serán o presidente e o director técnico do organismo os que viaxen á capital británica para abanderar a comitiva de viños valdeorreses que se darán a coñecer neste relevante foro especializado.
Ademais, na fin de semana do 26 e 27 de maio un grupo de bloggers, xornalistas especializados e influencers relacionados co eido vinícola visitará diferentes bodegas valdeorresas nunha acción promocional que lidera o Consello Regulador co obxectivo de divulgar os valores diferenciais dos seus produtos.
Por outra banda, o pleno avaliou unha proposta de modificación do sistema de control da vendima co obxecto de axustalo aos requirimentos da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC). Segundo asegurou o presidente do organismo, José Luis García Pando, “diferentes consellos reguladores galegos como o das Rías Baixas ou o da Ribeira Sacra levan xa a cabo de forma exitosa este novo sistema nos seus territorios amparados”.
A filosofía fundamental dos cambios que se acometerán ten que ver con que pasarán a ser as empresas vinícolas (bodegas) as que se responsabilicen principalmente de controlar e inspeccionar a orixe da uva, a trazabilidade do producto e o cumprimento das cotas. “Éstas serán tamén as encargadas de controlar os seus provedores en vendima” e para iso “contarán co apoio do Consello Regulador”, destaca García Pando.