A Deputación de Ourense asiste a asemblea xeral da EHTTA en Azerbaixán

A vila termal de Galaalti (Azerbaixán) acolle estes días a asemblea xeral da Asociación europea de cidades termais históricas (EHTTA), O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e concelleiro de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense, Jorge Pumar representa neste cumio termal ás dúas institucións, ambas membros de pleno dereito deste organismo, recoñecido como Itinerario cultural polo Consello de Europa.

Representantes das cidades membro e delegados doutras institucións internacionais vinculadas ao termalismo, trataron na asemblea xeral asuntos económicos e organizativos, así como proxectos en curso e futuras iniciativas comunitarias nas que participa a asociación. Abordáronse tamén as vindeiras citas para este ano 2018, entre as que figura a vindeira asemblea xeral, que se celebra do 2 ao 4 de outubro en Ourense. 

A este respecto, Jorge Pumar manifestou que será "unha grande oportunidade para que Ourense amose a estes participantes a súa riqueza termal e o singular patrimonio cultural co que conta a nosa provincia e a capital ourensá". E convidou ao Goberno de Azerbaixán, representado polo seu Ministro de Cultura, Abulfas Garayev, a participar en Termatalia 2018, que se celebrará do 12 ao 14 de setembro en Foz do Iguaçú (Brasil), neste certame internacional, así como ao resto de autoridades presentes na reunión, representantes de varios países europeos.

A Asociación Europea de Cidades Termais Históricas é unha asociación internacional sen ánimo de lucro dedicada á promoción e salvagarda da cultura termal europea e o seu patrimonio arquitectónico. Desde o ano 2010 está recoñecida polo Consello de Europa como Itinerario Cultural Europeo, e na actualidade integra a 40 membros de máis de 15 países. A cidade de Ourense, membro fundador, e a Deputación de Ourense pertencen a esta organización, a máis importante de Europa no ámbito do termalismo.