A Deputación da Coruña asiste o Festival Marítimo de Pasaia

A Deputación da Coruña colabora coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) na delegación galega que participará na primeira edición do Festival Marítimo de Pasaia, que se desenvolve entre os días 17 e 21 de maio. O encontro citará na localidade guipuscoana embarcacións históricas e tradicionais chegadas de todo o continente.

Nesta edición inaugural, a delegación galega será a convidada de honra dun certame que porá en valor a cultura e tradición marítima de distintas rexións europeas. Así, o Festival Marítimo de Pasaia artellou un programa repleto de actividades culturais e gastronómicas, que durante cinco días converterán a baía pasaitar na capital do sector marítimo.

O deputado e responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, subliñou o "grande orgullo" que representa para a institución provincial poder participar nun festival en que se poderá "dar a coñecer a Galicia como potencia mariñeira histórica" e a súa "arraigada tradición na construción de embarcacións navais e pesqueiras". Así, Regueira puxo en relevo o traballo e a colaboración das entidades participantes, encabezadas pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) e os diferentes axentes que participan no evento.

O Festival Marítimo de Pasaia 2018 é o primeiro encontro de embarcacións tradicionais que se celebra en Euskadi contando, entre outras, nesta edición inaugural coa presenza da fragata L'Hermione, unha réplica do grande navío francés que levou ao Marqués Lafayette até os Estados Unidos para participar na Guerra da Independencia.