A "banda sonora" da Ribeira Sacra

O novo traballo musical do grupo folk Luar na Lubre presentou a "banda sonora" da Ribeira Sacra, unha produción na que colabora a Deputación de Ourense e que foi gravada o outono pasado no mosteiro de san Pedro de Rocas (Esgos), conxugando natureza, tradición e etnografía, e incorporando por primeira vez nunha composición musical o idioma do afiador, o barallete.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co líder do grupo, Bieito Romero; o presidente da Coral de Ruada, Samuel Lago, e o músico Félix Castro, presentaron no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" este traballo discográfico e os concertos que ofrecerá o grupo no Teatro Principal de Ourense os vindeiros 2 e 3 de xuño, e contará coa colaboración de artistas como Víctor Manuel, Brais Maceiras, Irma Macías, Astarot, Félix e Castor Castro Vicente, Marisa Valle Ros, e a Coral de Ruada.

"A calidade da produción, o talento e a creatividade son as trazas de identidade deste traballo discográfico co que Luar Na Lubre volve sorprender, polo cal, Bieto Romero e todos os integrantes do grupo, merecen o agradecemento pola súa profesionalidade demostrada en 32 anos de excelencia musical", afirmou Baltar. 

Pola súa banda, Bieito Romero remarcou que esta gravación "tocoume no corazón, porque as miñas orixes están na Ribeira Sacra, e ademais, para todos supuxo un proxecto moi especial porque comezamos a traballar nel na data en que os lumes fixeron estragos en Galicia, e o feito de estar nun territorio de tal alto valor natural, como é a Ribeira Sacra, nos fixo arrancar con moita tristura". Romero lembrou o labor etnográfico e de recolleita de sons naturais e testemuñas que enriqueceron este traballo musical. "Fumos polas aldeas a falar coa xente, recollemos sons de vento, carros, campás, e tamén imaxes de nevaradas, amenceres..., de tal xeito que neste traballo mestúrase a música co ambiente da Ribeira Sacra; con elo, a nosa pretensión foi acadar unha banda sonora humana e natural".

O traballo discográfico recolle tamén nas letras feitos e personaxes históricos, como Romasanta, e de lenda, como os Felos de Maceda e Esgos, de fonda tradición etnográfica no entroido. O proxecto ten como obxectivo pór en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental da Ribeira Sacra ourensá.