O vindeiro sábado a partir das 16:30 horas, con saída en Rábade e chegada na capital luguesa celebrarase o LXII Descenso Internacional do Miño, a segunda proba de piragüismo máis antiga de España e un referente do piragüismo galego.
Este ano coa participación duns 330 padexeiros e preto de 270 embarcacións, procedentes de 31 clubs galegos, o que supera os 28 que estiveron representados o ano pasado. Esta nova edición da que é a segunda proba más antiga do piragüismo español presenta este ano unha novidade, como é a equiparación dos percorridos tanto para homes como para mulleres.
Así, tanto homes como mulleres das categorías xuvenil, sénior e veterán e das modalidades de K1, K2, e C1 tomarán a saída, ás 16:30 horas, desde o Concello de Rábade para remar 17 quilómetros ata a meta, instalada no Club Fluvial. Pola súa banda, os cadetes de todas as categorías percorrerán oito quilómetros con saída ás 17.30 horas desde Outeiro de Rei, concello no que ademais estará instalada unha meta volante para o circuíto de 17 quilómetros.
O organismo provincial realiza unha achega anual de 15.000 euros para a organización de diferentes actividades deportivas na provincia a través do Club Fluvial de Lugo, entre as que se atopa esta proba. O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón resaltou “a importancia do Descenso para a provincia, polo número de participantes e de afeccionados que se achegan a vivir o espectáculo, converténdose non só nunha xornada competitiva con creces, senón tamén nun día de festa, especialmente nos Concellos polos que discorre o percorrido”.
Como é habitual, haberá unha importante representación da provincia de Lugo, cos clubs Cidade de Lugo, Altruán de Ribadeo, CD San Ciprián, Club de Piragüismo Viveiro e o Club Fluvial de Lugo, que exerce de anfitrión nesta proba.
f_ deputacionlugo.org