Semana Santa floxa en Lugo

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) fixo públicos os datos de ocupación hoteleira na provincia durante esta Semana Santa, durante a que se apreciou un descenso con respecto ao ano pasado de case un 10 %. 

A liña ascendente de negocio neste período que se viña rexistrando nos últimos tres anos viuse afectada nesta ocasión polas negativas previsións meteorolóxicas que ocasionaron moitas anulacións de reserva de última hora. A APEHL confirmou unha media de ocupación do 83 %, moito menor que en anos anteriores. 

A Ribeira Sacra foi a zona da provincia con máis visitantes, cunha media do 95 %, seguida da Mariña cun 90 %, de Lugo (85 %), da Terra Chá, Sarria e A Ulloa (80 %) e da Montaña (70 %). 

Os días claves continuaron sendo xoves e venres e os prezos das reservas mantivéronse. Por último, os hostaleiros consultados sobre este balance da Semana Santa coinciden á hora de afirmar que a maioría dos visitantes que estes días fixeron parada na provincia procedían de diferentes partes do propio territorio nacional, o 98 % deles de Madrid, Cantabria e País Vasco.