Buscar/Hemeroteca

lunes, 16 de abril de 2018

Publicadas as bases do concurso para escoller os carteis do San Froilán

Xa están publicadas as bases que rexerán no concurso de deseño gráfico para escoller o cartel do San Froilán e do San Froilán Miúdo 2018, que terá lugar do 4 ao 12 de outubro. Poden concorrer cantas autores e autoras o desexen, con traballos de técnica libre, presentando cada persoa cantas obras considere oportunas, sempre orixinais.

Tal e como explicou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, os deseños contribuirán a enxalzar Lugo e as súas festas patronais. Ademais, Basadre subliñou os aspectos obrigatorios a figurar nas creacións: Lugo, San Froilán 2018; 4-12 de outubro, Festa de Interese Turístico Galego e Festa de Interese Turístico Nacional, así como a imaxe corporativa do Concello e os logotipos das redes sociais existentes destas festas: Instagram, Twitter, Facebook e Youtube. Os carteis deberán evitar calquera tipo de propaganda subliminal que podia inducir ao consumo de alcol ou calquera outro tipo de drogas.

Os traballos presentaranse na Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, sita na praza Maior, 1, 27001 Lugo, ata o venres, 4 de maio, en formato dixital JPG, cunhas dimensións de 50 x 70 cm e con 72 ppp de resolución (1.417 x 1.984 píxeles), en soporte CD ou lapis de memoria, e pódese facer persoalmente ou por correo postal. Poderase enviar tamén por correo electrónico ao enderezo cultura@concellodelugo.org, indicando no asunto Cartel San Froilán 2018. 

Así mesmo, se algunha persoa participante o desexa tamén pode entregar o cartel montado a sangue sobre cartón pluma de 5 ou 10 mm e a un tamaño de 50 x 70 cm. As obras entregaranse de forma anónima, con lema, acompañando un sobre co mesmo lema no exterior, e dentro os datos persoais do participante. Se presentan o cartel dixitalmente, estes datos virán nun documento aparte.

O Concello de Lugo seleccionará un xurado cualificado, que será o encargado de escoller a obra que represente esta festa, que será premiada cun importe de 2.000 euros, o día 24 de maio, ás 11:00 horas no Concello.

No que se refire ao San Froilán Miúdo, as obras deben incluír o seguinte texto, Lugo e San Froilán Miúdo 2018. Os cativos e cativas que queiran presentar as súas creacións deberán entregar a súa obra tamén na área de cultura. Do mesmo xeito serán presentados de xeito anónimo, nun DIN A-4 como mínimo, e montados en cartón pluma ou soporte ríxido. O autor ou autora do deseño gañador recibirá un premio adaptado á súa idade valorado en 300 euros. O prazo de inscrición tamén rematará o 4 de maio.

No hay comentarios: