Presentación do Parque do Megalistismo da Costa da Morte

Por primeira vez, os representantes municipais dos dez concellos que pasarán a integrar o proxecto de impulso do Parque do Megalistismo da Costa da Morte reuníronse co responsable da Área de Turismo e Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, na que coñeceron as principais características dun convenio de colaboración supramunicipal para impulsar a posta en valor dos elementos megalíticos que posúe no seu territorio.

A Área de Patrimonio da Deputación da Coruña pretende así incidir na socialización e divulgación dos recursos patrimoniais que posúe o seu territorio abordando a optimización e homoxeneización da sinalización dos monumentos, a mellora da súa accesibilidade, a elaboración de diferentes plans de comunicación e educación e, incluso, valorar a posible adquisición daquel patrimonio histórico que se atope en mans privadas.

De ser aprobado por Ponteceso, Cabana de Bergantiños, A Laracha, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Vimianzo e Zas en cadanseu pleno municipal e, posteriormente, no pleno provincial, terá consignada unha partida orzamentaria de 500.000 euros por parte da Deputación da Coruña.

Xosé Regueira subliñou que "este proxecto ten por obxecto a cohesión do territorio a través de modelos patrimoniais, impulsando o megalitismo dende a cooperación entre os concellos e a Deputación".

A institución provincial remitirá un borrador do convenio marco a cada un dos concellos, que xunto coa Deputación xestionarán durante os vindeiros catros anos de forma conxunta as actuacións e actividades que se realizarán ao redor dos diferentes monumentos megalíticos. Así, durante este período de análise, os concellos terán a posibilidade de achegar as propostas e melloras que consideren oportunas sobre o documento inicial.

f_ dicoruna.es