Pontevedra, epicentro da Ruta dos Fenicios

A provincia de Pontevedra converterase no próximo novembro no epicentro estatal da Ruta dos Fenicios ao acoller a Asemblea Estatal deste itinerario cultural. Deste xeito, e co fin de ir preparando o encontro, a Deputación de Pontevedra promove unha xornada titulada "Rías Baixas na Ruta das Kassitérides, ¿mito ou realidade?", na que participarán os historiadores Arturo Ruiz, Manuel Peregrina e Rafael Rodríguez. Será este martes, 24 de abril, a partir das 18 horas no salón de actos do Edificio Administrativo da institución.

A Deputación de Pontevedra pertence á rede estatal española Ruta dos Fenicios tras ter descuberto restos fenicios e púnicos e documentalos nos xacementos de Monte do Castro (Ribadumia), A Lanzada (Sanxenxo), Monte do Facho (Cangas) e Punta do Muíño do Vento (Vigo), sendo o territorio máis meridional da Ruta, ademais de ser o primeiro alleo ao Mediterráneo.
A Ruta dos Fenicios trátase dun itinerario cultural internacional, recoñecido polo Consello de Europa, que atravesa 18 países e une tres continentes, conectando as grandes rutas marítimas empregadas pola civilización fenicia desde o século XII a. C.

A Rede Estatal Española da Ruta dos Fenicios seleccionou á Deputación de Pontevedra para liderar a promoción e difusión na fachada atlántica peninsular da denominada Ruta das Kassitérides, o camiño desenvolvido polos fenicios para abastecerse de estaño na antigüidade e que podería non estar localizado nas illas británicas (como se pensaba ata o de agora) senón nas Rías Baixas. 

Co fin de preparar á provincia para este importante acontecemento, celebrado na anterior edición en Ibiza, a Deputación de Pontevedra acolle e acollerá nos vindeiros meses a persoas relacionadas coa difusión da Ruta das Kassitérides. Neste caso, serán o director científico da Ruta e o coordinador e secretario técnico os que visiten a provincia para espallar a importancia deste itinerario cultural.