Na primeira edición do Celtic Camino FestivalA a xerenta do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, participou como convidada pola Camino Society Ireland, asociación irlandesa de amigos do Camiño fundada no ano 1992, organizadora do evento e considerada como unha das máis activas a nivel internacional.
A participación do Consorcio de Turismo de A Coruña, indica, "busca reforzar no encontro os novos mercados así como as relacións coas asociacións de peregrinación, de cara a darlle continuidade ás accións de promoción internacional do Camiño Inglés dende A Coruña, que se veñen desenvolvendo dende o ano 2016".
O encontro irlandés congregou a máis de 500 persoas en torno ao Camiño Celta, iniciativa creada pola Camino Society, a cal amosou un especial interese en vincular este camiño co Inglés, poñendo en valor as ligazóns histórico-culturais que unen a Galicia con Irlanda.
A xerenta de Turismo aproveitou a súa participación neste festival para destacar outras das accións realizadas ata o de agora, como a publicación de guías, mapas e visitas turísticas especializadas nesta nova variante coruñesa do Camiño Inglés, destacando o libro-guía editado polo Consorcio en colaboración coa Deputación, baixo o título A Coruña. O Porto do Camiño de Santiago. Guía para peregrinos, traducida a distintos idiomas e que ten como finalidade poñer en valor a relevancia histórica da Coruña no Camiño.
A asociación irlandesa ten desenvolvido e oficializado o camiño celta, idea que segundo o responsable da asociación, Jim Mcnicholas naceu no encontro celebrado na Coruña en 2016.
f_ coruna.gal