Mostra sobre o traxe aldeán de garda das terras de Lugo

A primeira gran mostra sobre o traxe aldeán de garda das terras de Lugo que acollerá a Capela de Santa María ata o 1 de xullo ven de ser inaugurada polo Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, que sinalou que “os 25 traxes da colección eran os que usaban as mulleres do rural para lucir os días de feira, os domingos para ir á misa ou “domingar”, e que, como norma xeral, son as mellores prendas que usarían ao longo da súa vida. 

A mostra está composta por prendas orixinais e por reproducións que se complementan con pezas de ourivería compostelá. As pezas, foron recollidas polo colectivo Traxandaina, en casas por toda a provincia, coa finalidade de salvagardar o noso patrimonio cultural”.

No acto estivo acompañado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, a Deputada de Cultura, Pilar García Porto; así como por representantes de Traxandaina, coordinadores da mostra. Ademais desta gran exposición, o Goberno da Deputación ten preparadas outras actividades complementarias como unha xornada sobre a vestimenta e folclore da provincia o día 7 de abril, un obradoiro de confección de saias os días 12, 13 e 19 de maio. 

Dentro da colección de 25 traxes que se poderán ver na Capela, provintes entre outros Concellos, de Baleira, A Fonsagrada, Castroverde, O Corgo, Sarria, Portomarín, Guntín ou Muras. Nesta mostra tamén se exhibirán outras prendas como os mandís de mostra, aos que se lles adica un apartado especial, as mantelas ou lensas que cobren a saia; os refaixos bordardos a man, camisas de liño de corte rectos para aproveitar os anchos do tear e mantillos de gala, mandís de traballo, panos de peito de cabeza, toucas de pelo de cabra e mantóns de lá feitos no Val de San Lourenzo coas mesmas técnicas que as mantas maragatas.

As visitas guiadas correrán a cargo dos artesáns de Traxandaina. Serán todas ás 18:00 horas, os mércores días 11, 18 e 25 de abril; os xoves días 3, 24 e 31 de maio; os martes 12, 19 e 26 de xuño. E por último os domingos 29 de abril, 27 de maio e 17 xuño ás 12:00 horas. Para inscribirse de xeito totalmente gratuíto, Hai que cubrir o formulario que está dispoñible na web da Deputación.


f_ deputacionlugo.org