A cuarta edición da Ourense ICC Week - Marco das Industrias Culturais e Creativas comezará o próximo 2 de maio cun acto inaugural que terá como eixo vertebrador o mundo do deseño. Nunha ponencia baixo o nome de "Mundos deseñados", a ICC Week xuntará a Bárbara Ouka Leele -fotógrafa e deseñadora-, Paco Clavel -artista e axitador cultural-, e Juan Sánchez -documentalista e comisario cultural-, para rematar nunha conversa arredor da "Cultura no deseño" que terá como protagonistas á ilustradora, deseñadora gráfica e motion grapher ourensana María Grande, e a Javier Mariscal, coñecidísimo Premio Nacional de Deseño famoso por ter creado ao Cobi nos Xogos Olímpicos de Barcelona ou por ser o creador do taburete Dúplex.
O evento aglutinará máis de 100 horas de actividade e case unha vintena de ponencias, Ao longo da semana debatirase en diversos lugares da provincia sobre a fotografía, a música, o cinema, a arqueoloxía, o humor, as TICs, o gaming, e a xestión cultural. A industria musical centrará o seu discurso nunha xornada na que os músicos e compositores Nacho García Vega e Luis Mendo Músico falarán arredor da "Supervivencia na xungla dixital".
Por primeira vez en Ourense, a AIE (Asociación de Intérpretes e Executantes) argumentrá cales son os beneficios de pertencer á devandita asociación, as medidas de protección dos que son titulares os artistas e, a xestión e procedementos cos que conta esta sociedade para asegurar a percepción de dereitos aos seus titulares en todo o mundo. Ademais, J. M Sastrón, presidente de Sociedade Xeral de Autores e Intérpretes, entregaralle o Premio Musa SGAE a Yosi Domínguez, integrante da banda ourensana Los Suaves, en recoñecemento á súa traxectoria.
No eido audiovisual, o presidente da AGAG (Asociación Sindical Galega de Guionistas), Nico Campos, falará das novas sobre o futuro dos contidos, os guións e a dirección, achegando as vivencias do sector da man da da directora e guionista, Gracia Querejeta, cineasta multipremiada e referente no sector audiovisual. Compartindo xornada, en “Unha viaxe cara a sociedade do coñecemento”, as protagonistas serán as “mulleres tech”, creadoras e expertas en tendencias de máxima actualidade como son a realidade virtual, a realidade aumentada, o mundo do software e a gamificación ou a economía colaborativa.
Arredor do tratamento do humor como industria cultural e creativa desenvolverase unha mesa redonda baixo o título “Humor e creatividade, a parella perfecta”.
O apartado musical, a “ICC Music”, terá como protagonistas a Mikel Erentxun e á banda musical Morgan, completándose o programa coa sesión “ICC Show Vermú” na que actuarán Rufus T. Firefly, Esposa, Bifannah e Silvia Superstar DJ.
Outra das novidades deste ano é que durante a celebración da Semana das Industrias Culturais e Creativas entregarase a primeira edición do premio “Rodolfo Prada á xestión cultural”.